O Figurante Edicións prepara a súa primeira entrada

O Figurante Edicións non é unha idea nova, así como tampouco o é o libro que se está a preparar arestora. Foi no ano dous mil que entrei en contacto cun poema de Anne-Marie Cazalis, La libertè, a través do meu prezado Boris Vian, nunha súa obra, Manual de Saint Germain-des-Prés. Foi daquela que comecei a darlle voltas á necesidade, por unha parte, de atopar a obra desta muller e traducila, creando a necesidade, por outra parte, de proxectar un espazo, o que hoxe cubre este Figurante, por medio do que materializar esa idea. A finais do ano dous mil once, retomouse o proxecto, en grande medida grazas ao impulso que proporcionou á experiencia adquirida coa Porta Verde do Sétimo Andar e, dados os pasos precisos, comecei o traballo que finalizará coa edición de Planh. 10 poemas de Anne-Marie Cazalis, nas próximas semanas.