O Figurante Edicións

Cando xorde un selo independente, en calquera ámbito da cultura, semella que cómpre dicir que se crea contra calquera aspecto nocivo, ou mesmo a construción dun sistema que se considera errado. O Figurante Edicións, concordando coa idea de que ese sistema imperante, baixo calquera forma ou denominación, é erróneo, prefire situarse sempre a favor de toda a diversidade que cómpre preservar e que o devandito non foi aínda quen de destruír. O Figurante Edicións, non ostenta, ou cando menos non o pretende, unha posición aséptica ou afastada da realidade que actualmente estamos a padecer. Como entidade, tamén, política, dentro do seu ámbito de actuación, preténdese un espazo contaminado de ideas, cunha adicción necesaria ao conflito. É, como non podería ser doutro xeito, un entorno dedicado á reflexión, aberto a novas formas de pensar que reinventen a rebeldía, por medio dunha réplica audaz. Eis, por tanto, a intención. Eis o proxecto.